Blog · Por que deberías mellorar as túas competencias en galego (mesmo se xa o falas ben)

Por que deberías mellorar as túas competencias en galego (mesmo se xa o falas ben)

Falas galego na casa, cos amigos ou no traballo?

Moitas persoas cren que xa teñen un bo dominio da lingua só por usala no día a día. Pero… é realmente así?

Saber algunhas palabras non é o mesmo que falar, escribir, expresarse con corrección ou aprobar un exame oficial. Neste artigo explicámosche por que mellorar as túas competencias en galego é unha aposta segura.

Usar unha lingua non significa dominala

É habitual escoitar frases como “eu xa sei galego, escoiteillo aos meus avós”.

Porén, moitas veces esa seguridade desparece cando toca redactar un texto formal, presentarse a unha oposición ou escribir un simple correo profesional. Non é o mesmo falar con fluidez que dominar o galego en todos os rexistros, sobre todo o escrito e o normativo.

O galego que usamos a cotío está cheo de castelanismos, erros e expresións que non se axustan á norma. Non é culpa túa, mais é así. Aprender galego a fondo, de forma estruturada, permite identificar e corrixir esas eivas.

Mellorar o teu galego abre portas (persoais e profesionais)

Hai quen pensa que perfeccionar o galego é só para docentes. Nada máis lonxe da realidade.

Se tes pensado opositar, traballar nun emprego público ou solicitar puntos por coñecemento de lingua, ter unha certificación CELGA pode marcar a diferenza. E para conseguila, cómpre prepararse ben.

Pero hai máis: moitas empresas e entidades valoran cada vez máis a capacidade de comunicarse en galego con corrección, sobre todo en sectores como o turismo, a atención ao público/cliente, o ensino…

Un galego ben falado e ben escrito dálle valor á túa imaxe profesional, e tamén á túa marca persoal.

A nivel persoal, mellorar o teu galego tamén é unha forma de coidarte a ti mesma, de reforzar a túa identidade, de achegarte á cultura e ao patrimonio do país con máis coñecemento e respecto. Falar ben unha lingua tamén é querela.

Como aprender galego se xa o falas: recursos e consellos

Se xa usas o galego, estás a medio camiño. Pero agora é o momento de consolidar coñecementos: ortografía, colocación pronominal, tempos verbais, léxico específico… e para iso hai métodos eficaces.

A primeira recomendación é buscar un curso estruturado que se adapte ao teu nivel. Non é o mesmo partir de cero que preparar un CELGA 4. Na nosa plataforma de cursos en liña atoparás formación adaptada con contidos claros, exemplos prácticos e exercicios autocorrixidos.

Ademais, podes complementar a aprendizaxe con:

  • Lecturas en galego actual (blogs, xornais, contos…).
  • Aplicacións móbiles para practicar vocabulario e expresións.
  • Canles de YouTube ou podcast con contidos lingüísticos.
  • Participación en foros ou redes sociais onde se use o galego.

O importante é exporse á lingua. Aprender galego non é só cuestión de práctica: é preciso contar cunha guía que che axude a camiñar.

Se queres saber como aprender galego de forma sinxela, eficaz e ao teu ritmo, bótalle un ollo aos nosos cursos. Están pensados para ti, que queres ir máis alá.

Que podes ler aquí?

Outros artigos

Busca un termo ou conxuga un verbo

Editar imaxe de usuario

Escolle unha nova imaxe *
Tamaño máximo de arquivo: 1 MB