Blog · Grupos de conversa en galego: unha axuda extra para preparar as probas do CELGA

Grupos de conversa en galego: unha axuda extra para preparar as probas do CELGA

Un dos grandes retos das probas Celga é a parte oral. Moitas persoas que estudan o exame dedican horas á gramática e ao vocabulario, mais á hora de falar séntense inseguras, bloquéanse ou non atopan as palabras. A mellor solución? Practicar en grupos de conversa en galego.

Estes espazos permiten falar nun ambiente relaxado, sen presión, gañando confianza e fluidez. A continuación, presentámosche algúns dos grupos de conversa máis interesantes de Galicia, que poden ser un complemento perfecto á túa preparación.

Grupos de conversa en galego

A Biblioteca Pública de Ourense Nós organiza, grazas á colaboración de persoas voluntarias e no marco do programa de Voluntariado Cultural, unha opción para quen queira practicar galego a través do grupo Conversa en galego, que se celebra os xoves alternos ás 19.00 h.

Aquí tes a ligazón de contacto

Faladoiros Vigo

A Asociación Faladoiros Vigo organiza pequenos grupos de conversa en que se xuntan persoas que falan habitualmente en galego (voluntarios/as da asociación) con outras que, por diferentes circunstancias, non o fan pero desexan mellorar a súa fluidez e competencia comunicativa no noso idioma.

Na edición 2024-2025 había tres sesións semanais: dúas presenciais (unha no Café de Catro a Catro e outra na cafetería da EOI de Vigo) e unha terceira que se organiza en liña. A asistencia é totalmente de balde, o que facilita que calquera persoa interesada se poida sumar.

Aquí tes a ligazón de contacto

Coa lingua fóra. A Coruña

Coa lingua fóra son grupos de conversa dinamizados por persoas nativas na cidade da Coruña. Trátase dunha proposta dirixida a todas aquelas persoas que desexen mellorar o seu galego oral nun ambiente distendido e de conversa amena. As sesións celébranse na Biblioteca Municipal Ágora.

Aquí tes a ligazón de contacto

Neofalantes

O proxecto Neofalantes naceu para acompañar a quen decide dar o paso de falar galego no día a día, mesmo que non o tivese como lingua inicial. Na súa web atoparás un grupo para organizar quedadas presenciais e en liña, pensado para practicar galego en contextos reais e tamén entrevistas a persoas de distintos países que aprenderon galego, un testemuño inspirador que amosa que a lingua pode ser adoptada con éxito por calquera persoa.

Aquí tes a ligazón de contacto

Queres falar?

A Xunta de Galicia puxo en marcha o programa de voluntariado lingüístico Queres falar? destinado a promover o uso do galego entre a mocidade a través de conversas entre galegofalantes habituais e persoas que queren mellorar a súa competencia oral ou reincorporar o idioma ao seu día a día.

A iniciativa desenvólvese nos Espazos Xove repartidos por distintos puntos de Galicia, onde as persoas participantes teñen a posibilidade de practicar galego dúas horas á semana con voluntarios/as galegofalantes, ademais de participar en actividades complementarias de dinamización.

Aquí tes máis información

O galego é a túa casa

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organizou un club de conversa pensado para persoas de calquera procedencia que queiran practicar o idioma galego nun ambiente distendido e acolledor. O obxectivo é compartir un tempo conversando sobre temas de interese: dende os costumes e a música da nosa terra ata as viaxes ou a propia vida cotiá na Coruña.

O grupo de conversa ten lugar todos os luns, de 11:00 a 12:00 da mañá na sede da asociación: Rúa Santo André, 36, 1º (A Coruña).

Aquí tes máis información.

Que podes ler aquí?

Outros artigos

Busca un termo ou conxuga un verbo