Blog · Nova sección en cursos.gal: preguntas e respostas e resolución de dúbidas

Nova sección en cursos.gal: preguntas e respostas e resolución de dúbidas

Aprender un idioma é un camiño que require constancia, práctica e, sobre todo, resolver dúbidas a tempo. Cantas veces estiveches estudando e apareceu esa pregunta que non sabes a quen facer? Cantas veces buscaches en Google sen atopar unha resposta clara e adaptada ao teu nivel?

Hoxe presentámosche unha novidade que levabamos tempo querendo incorporar: a sección de Preguntas e Respostas, un espazo exclusivo para todas aquelas persoas que tedes un usuario en Cursos.gal.

Como funciona

A idea é sinxela: tes unha dúbida, envíala e o equipo docente revísaa e publica a resposta para que ti e todos os teus compañeiros de curso poidádes consultala.

Non é un foro nin un chat. É un espazo onde as respostas veñen sempre do equipo de Cursos.gal para que teñas a seguridade de que a información é fiable e está adaptada ao nivel do teu exame.

O proceso é moi rápido:

  1. Accedes á sección de Preguntas e Respostas desde a plataforma.
  2. Antes de preguntar, podes buscar entre as dúbidas que outros compañeiros xa fixeron. Se cadra, alguén xa preguntou o mesmo ca ti.
  3. Se non atopas o que buscas, envías a túa pregunta cun só clic.
  4. Nós revisámola e publicamos a resposta.

Así de sinxelo.

Que tipo de dúbidas podes enviar

Calquera dúbida relacionada co teu curso Celga. Para que sexa máis fácil atopar respostas, organizámolas por categorías:

  • Léxico: significado de palabras, expresións, sinónimos…
  • Gramática: regras gramaticais, usos correctos, construcións que che custan…
  • Ortografía: acentuación, normas ortográficas, erros frecuentes…
  • Oralidade: dúbidas sobre pronunciación, comprensión oral ou a proba de expresión oral do exame.
  • Exames: formato das probas, consellos para o día do exame, estratexias para cada parte…
  • Outras…

Por que isto cambia a túa preparación

En moitos casos as dúbidas acumúlanse. Esa cuestión pequena que non resolves hoxe convértese nun erro que repites no futuro.

Con esta sección tes unha canle directa co equipo docente para resolver calquera cuestión. Pero hai algo máis: as dúbidas dos teus compañeiros tamén che serven. Cada pregunta que se responde é coñecemento que se suma e, moitas veces, as mellores aprendizaxes veñen de preguntas que nin se che ocorrería facer.

Ademais, incorporamos un sistema de gústames para que as preguntas máis útiles destaquen. Se unha resposta che axudou, dálle like e axudarás a que outros compañeiros a atopen máis rápido.

Contido exclusivo do teu curso

Todo o contido está filtrado para que sexa relevante para o teu nivel. Isto xa o fai a web de xeito automático. Ti non tes que facer nada

Isto tamén significa que, co paso do tempo, cada curso terá a súa propia base de coñecemento construída coas dúbidas reais dos alumnos. Canto máis se use, máis valiosa será.

Xa está dispoñible

A sección de Preguntas e Respostas xa está activa para todos os alumnos matriculados. Só tes que acceder á plataforma e buscala na túa área de usuario ou na lista de temas do curso.

Se aínda non estás matriculado e isto é o empurrón que necesitabas, bótalle un ollo aos cursos que temos!

Vémonos dentro. E lembra: non hai preguntas boas nin malas. Se tes a dúbida, outros tamén a teñen.

Que podes ler aquí?

Outros artigos

Busca un termo ou conxuga un verbo