Falas galego na casa, cos amigos ou no traballo?
Moitas persoas cren que xa teñen un bo dominio da lingua só por usala no día a día. Pero… é realmente así?
Saber algunhas palabras non é o mesmo que falar, escribir, expresarse con corrección ou aprobar un exame oficial. Neste artigo explicámosche por que mellorar as túas competencias en galego é unha aposta segura.
Usar unha lingua non significa dominala
É habitual escoitar frases como “eu xa sei galego, escoiteillo aos meus avós”.
Porén, moitas veces esa seguridade desparece cando toca redactar un texto formal, presentarse a unha oposición ou escribir un simple correo profesional. Non é o mesmo falar con fluidez que dominar o galego en todos os rexistros, sobre todo o escrito e o normativo.
O galego que usamos a cotío está cheo de castelanismos, erros e expresións que non se axustan á norma. Non é culpa túa, mais é así. Aprender galego a fondo, de forma estruturada, permite identificar e corrixir esas eivas.
Mellorar o teu galego abre portas (persoais e profesionais)
Hai quen pensa que perfeccionar o galego é só para docentes. Nada máis lonxe da realidade.
Se tes pensado opositar, traballar nun emprego público ou solicitar puntos por coñecemento de lingua, ter unha certificación CELGA pode marcar a diferenza. E para conseguila, cómpre prepararse ben.
Pero hai máis: moitas empresas e entidades valoran cada vez máis a capacidade de comunicarse en galego con corrección, sobre todo en sectores como o turismo, a atención ao público/cliente, o ensino…
Un galego ben falado e ben escrito dálle valor á túa imaxe profesional, e tamén á túa marca persoal.
A nivel persoal, mellorar o teu galego tamén é unha forma de coidarte a ti mesma, de reforzar a túa identidade, de achegarte á cultura e ao patrimonio do país con máis coñecemento e respecto. Falar ben unha lingua tamén é querela.
Como aprender galego se xa o falas: recursos e consellos
Se xa usas o galego, estás a medio camiño. Pero agora é o momento de consolidar coñecementos: ortografía, colocación pronominal, tempos verbais, léxico específico… e para iso hai métodos eficaces.
A primeira recomendación é buscar un curso estruturado que se adapte ao teu nivel. Non é o mesmo partir de cero que preparar un CELGA 4. Na nosa plataforma de cursos en liña atoparás formación adaptada con contidos claros, exemplos prácticos e exercicios autocorrixidos.
Ademais, podes complementar a aprendizaxe con:
- Lecturas en galego actual (blogs, xornais, contos…).
- Aplicacións móbiles para practicar vocabulario e expresións.
- Canles de YouTube ou podcast con contidos lingüísticos.
- Participación en foros ou redes sociais onde se use o galego.
O importante é exporse á lingua. Aprender galego non é só cuestión de práctica: é preciso contar cunha guía que che axude a camiñar.
Se queres saber como aprender galego de forma sinxela, eficaz e ao teu ritmo, bótalle un ollo aos nosos cursos. Están pensados para ti, que queres ir máis alá.


