Preparar o exame Celga require tempo, práctica e constancia. A boa noticia é que, ademais dos cursos estruturados, existen moitos recursos online gratuítos que che poden axudar a mellorar o teu galego día a día.
Neste artigo recollemos algunhas das mellores ferramentas, páxinas e materiais dispoñibles na rede para practicar galego antes do Celga.
Modelos de exame oficiais
A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica na súa web os modelos de exames das convocatorias anteriores. Estes documentos son fundamentais para saber como é a proba real e que tipo de exercicios se avalían.
Podes descargalos en lingua.gal.
En Cursos.gal, ademais, atoparás estes mesmos modelos xa resoltos e corrixidos, con exemplos de redaccións e explicacións que che axudan a entender que se espera en cada parte do exame. Un recurso imprescindible se queres mellorar tanto a parte escrita como a oral.
Correctores en liña: LanguageTool
LanguageTool é unha ferramenta gratuíta de corrección en galego creada no 2003 que hoxe incorpora sistemas con intelixencia artificial.
Funciona como extensión en Google Chrome, corrixindo en tempo real o que escribes en webs e formularios. Tamén se integra con procesadores de texto como LibreOffice e Microsoft Word, así como con navegadores como Firefox.
O seu funcionamento baséase na análise de patróns lingüísticos e en regras rigorosamente probadas, o que a converte nun recurso útil para mellorar a expresión escrita e evitar erros habituais na preparación do Celga.
Podcasts en galego
Un dos mellores xeitos de mellorar a comprensión oral antes do CELGA é escoitar galego todos os días. Hoxe en día hai moitos podcasts dispoñibles, e a vantaxe é que podes practicalos en calquera momento: mentres vas camiñando, no coche ou na casa.
Un recurso imprescindible é a web Podgalego, que recolle unha ampla listaxe de podcasts en galego organizados por temáticas: actualidade, cultura, humor, música, ciencia… unha chea de contidos para escoitar galego adaptado aos teus intereses.
Tamén son moi recomendables os podcasts da Radio Galega onde atoparás programas de entrevistas, divulgación e entretemento que che permitirán escoitar diferentes rexistros da lingua.
Lecturas dixitais en galego
A lectura é unha das mellores formas de mellorar tanto a comprensión escrita como a expresión escrita, dúas partes fundamentais no Celga. Hoxe en día tes ao teu alcance numerosos recursos dixitais gratuítos:
- eBiblio Galicia → unha plataforma dixital das bibliotecas públicas que conta cunha extensa colección de libros, revistas e audiolibros. Podes atopar tanto novidades editoriais como clásicos, obras de interese xeral, ficción e non ficción, para público adulto e tamén infantil.
- Xornais e revistas en galego → ler prensa diaria é unha excelente maneira de gañar vocabulario actual e aprender a redactar con precisión. Recomendamos: Praza Pública, Nós Diario, GCiencia, Galicia Confidencial…
- Agora.gal → un portal que recolle e actualiza centos de blogs en galego, perfecto para descubrir novos contidos adaptados aos teus intereses e expoñerte a diferentes rexistros da lingua.
E se queres ir máis alá…
Todos estes recursos gratuítos son un bo punto de partida, pero se o teu obxectivo é aprobar o Celga, necesitarás unha preparación máis estruturada.
En Cursos.gal atoparás cursos online para Celga 2, Celga 3 e Celga 4 con:
- Modelos de exames con resposta reais.
- Exercicios con solucións e explicacións.
- Recursos para mellorar a comprensión oral e escrita.
Así, poderás combinar a práctica gratuíta coa preparación profesional e chegar ao exame con moita máis confianza.


