A Xunta de Galicia xa publicou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das probas para obter os certificados oficiais de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.
Isto significa que xa está aberto o prazo para matricularse nas probas deste ano.
Se estás a preparar o exame en Cursos.gal, é un bo momento para revisar o calendario e facer a inscrición.
Prazo de inscrición
O prazo para presentar a solicitude é de 15 días hábiles desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
A inscrición realízase a través do formulario oficial da Xunta e require pagar a taxa de exame correspondente, que actualmente é de 16,92 € por cada nivel.
Como matricularse nas probas CELGA
Para inscribirte nas probas debes seguir estes pasos:
1. Cubrir a solicitude oficial
Debes completar o formulario do procedemento PL500C, no que indicarás o nivel ao que queres presentarte e a cidade onde queres facer o exame.
2. Presentar a solicitude
A solicitude pode presentarse de dúas formas:
- En liña, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia
- Presencialmente, en calquera rexistro oficial da administración
3. Pagar a taxa do exame
Para formalizar a matrícula hai que pagar a taxa correspondente, que é de 16,92 € por nivel. O pagamento pode facerse:
- directamente na sede electrónica
- mediante a Oficina Virtual Tributaria
- ou de forma presencial nunha entidade bancaria colaboradora
4. Gardar o xustificante
É importante conservar o xustificante do pagamento da taxa, xa que forma parte da documentación da solicitude.
Cando serán os exames
Segundo a convocatoria oficial, as probas celebraranse entre a segunda quincena de maio e a primeira de xuño de 2026.
Os exames realizaranse nas seguintes cidades:
- Santiago de Compostela – Celga 1, 2, 3 e 4
- Ponferrada – Celga 2, 3 e 4
- Madrid – Celga 2, 3 e 4
As datas exactas e os horarios publicaranse máis adiante na web da Secretaría Xeral da Lingua.
Como son as probas
Todos os niveis inclúen unha proba escrita e unha proba oral.
A duración aproximada das probas é a seguinte:
- Celga 1 e Celga 2: 2 horas de exame escrito + 10 minutos de oral
- Celga 3: 2 horas e media de exame escrito + 15 minutos de oral
- Celga 4: 3 horas de exame escrito + 15 minutos de oral
A proba oral adoita realizarse o mesmo día que a escrita.
Recursos para preparar o exame en Cursos.gal
Se estás matriculado en Cursos.gal, lembra que na plataforma tes numerosos recursos para preparar o exame:
- modelos de exames CELGA resoltos
- guías para preparar cada proba
- cuestionarios tipo exame
- actividades de repaso
- xogos interactivos
- vídeos explicativos
Todos estes materiais están pensados para que poidas practicar co formato real das probas e chegar ao exame con máis seguridade.
Se aínda non fixeches a inscrición, revisa o prazo e matrículate canto antes nas probas CELGA 2026.


