Blog · Temario do CELGA 3: contidos, competencias e que necesitas dominar no exame

Temario do CELGA 3: contidos, competencias e que necesitas dominar no exame

O Celga 3 acredita un nivel intermedio de competencia en lingua galega. É o nivel no que xa se espera que a persoa poida intervir nun conxunto variado de situacións, incluíndo contextos menos previsibles, e que sexa capaz de argumentar, distinguir información principal e secundaria e producir textos cun grao alto de corrección normativa.

Neste artigo tes o temario do Celga 3 ordenado por habilidades e por contidos lingüísticos, para saber exactamente que entra e que debes preparar.

Que nivel de galego acredita o CELGA 3

Quen supera o CELGA 3:

  • Desenvolvese con soltura en situacións comunicativas variadas, tamén con certa complexidade.
  • Comprende textos orais e escritos máis elaborados e sabe distinguir o esencial do accesorio.
  • Escribe e fala con bastante corrección, con estruturas máis flexibles e léxico máis amplo.
  • Pode defender un punto de vista sobre cuestións xerais, indicando vantaxes e inconvenientes.
  • Está en condicións de traballar e interactuar en ámbitos onde o galego é lingua habitual (por exemplo, en cursos académicos ou intercambios universitarios en Galicia).

Comprensión oral no CELGA 3

No Celga 3 esíxese comprender discursos lingüisticamente máis complexos, con temas concretos e abstractos, e identificar liñas argumentais cando o tema é razoablemente coñecido.

Debes ser capaz de comprender, entre outros:

  • Conversas xerais sobre temas variados e pouco previsibles.
  • Avisos e informacións en espazos públicos.
  • Noticias de televisión (co apoio da imaxe) e programas de radio sobre temas xerais ou coñecidos.
  • Explicacións dun guía nunha visita turística ou de traballo.
  • Conversas, explicacións e debates da túa área profesional.
  • Conversas nas que predomina a argumentación (aínda con algunha limitación).

Comprensión escrita no CELGA 3

A lectura neste nivel é máis autónoma. Espérase un vocabulario amplo e bo dominio das estruturas sintácticas básicas, aínda que poden existir dificultades en períodos moi complexos.

Debes comprender con solvencia textos como:

  • Cartas e anotacións persoais con modismos frecuentes.
  • Textos xornalísticos informativos e de opinión (xerais ou do teu interese).
  • Formularios administrativos diversos.
  • Cartas e escritos da túa área profesional.
  • Relatorios de áreas coñecidas e o sentido xeral de artigos pouco coñecidos.
  • Textos literarios.

Expresión oral no CELGA 3

Na expresión oral espérase un discurso máis sólido: descricións, narracións e exposicións con detalles relevantes, bo control gramatical e uso de oracións de certa complexidade.

Valórase que:

  • Manteñas un ritmo de fala bastante uniforme.
  • Non cometas erros que provoquen incomprensión.
  • Sexas capaz de autocorrixirte.
  • Xestiones a quenda de palabra e participes en debates (confirmando comprensión, invitando a participar, etc.).
  • Uses mecanismos de cohesión para un discurso coherente.

Situacións típicas que debes saber resolver:

  • Reembolsos, trocos, reclamacións e valoración do servizo en hostalaría e comercio.
  • Explicar síntomas, pedir información sanitaria e posibilidades de tratamento.
  • Argumentar opinións en conversas e debates sobre actualidade ou vida cotiá (con algunha dificultade aceptable).
  • Pedir aclaracións nunha visita guiada e orientar visitas.
  • Pedir e dar información sobre temas coñecidos.
  • Reproducir mensaxes e opinións doutras persoas.
  • Facer preguntas nunha conferencia/aula sobre temas previsibles.
  • Realizar unha presentación breve sobre un tema coñecido.

Expresión escrita no CELGA 3

Na escrita pídese producir textos claros e estruturados, cun notable dominio ortográfico, morfosintáctico e léxico común, e con cohesión eficaz.

Debes poder:

  • Escribir cartas e correos relatando feitos, experiencias e valoracións.
  • Redactar informes breves sobre actualidade ou actividade profesional (aínda que poidan requirir revisión).
  • Describir con precisión persoas, obxectos, servizos ou situacións.
  • Expoñer opinións sinxelas sobre textos lidos/oídos ou vivencias.
  • Sintetizar ou reformular información de medios e vida cotiá.

Gramática do CELGA 3

Inclúe todo o dos niveis anteriores e amplía e sistematiza o funcionamento do código. Entre os puntos clave:

  • Casos especiais de xénero e número.
  • Substantivos e adxectivos: xéneros diferentes, plurais fixos, substantivación, graos.
  • Formación de palabras: derivación e composición.
  • Cambios de significado pola posición do adxectivo (home bo / bo home).
  • Secuencias de determinantes (este meu amigo, algunha outra solución).
  • Usos especiais de posesivos: artigo si/non, de meu/de teu, cadanseu.
  • Numerais e indefinidos: aproximativos, partitivos, cantidades aproximadas.
  • Sistema pronominal: valores, usos e posición; nós/nosoutros, vós/vosoutros.
  • Colocación de pronomes átonos en perífrases e complexos verbais (téñoo que facer; seino facer/sei facelo).
  • Usos de se: reflexivo, pronominal, impersonal, pasivo.
  • Tempos de indicativo e subxuntivo (incluído pretérito) en verbos regulares e irregulares.
  • Perífrases de infinitivo, xerundio e participio; participios irregulares.
  • Infinitivo conxugado.
  • Preposicións e locucións prepositivas; adverbios e locucións adverbiais.
  • Marcadores do discurso: inicio, exemplificación, explicación, reformulación, conclusión.
  • Oracións complexas, conxuncións coordinantes e subordinantes.

Fonética e ortografía

No CELGA 3 tamén se avalía un maior refinamento:

  • Pronuncia de ditongos e hiatos.
  • Realizacións consonánticas (nasais, oclusivas/aproximantes, etc.).
  • Coñecemento das principais variedades fonéticas do galego.
  • Encontros vocálicos e silabación (pronuncia e representación).
  • Entoación segundo o tipo de enunciado.
  • Uso correcto de maiúsculas e minúsculas.

Léxico do CELGA 3

Abarca ámbitos máis amplos e específicos que en CELGA 2, como:

  • Vestimenta, hostalaría, comercio e comidas/bebidas.
  • Léxico académico e administrativo.
  • Medicina e farmacia.
  • Lecer e tempo libre.
  • Medio natural e traballo.
  • Mundo da cultura, espectáculos e festas.
  • Informática.
  • Fórmulas de correspondencia (rexistros e formalidade).

Contidos socioculturais

Aquí aumenta a profundidade e a reflexión, co obxectivo de poder argumentar sobre a realidade galega con criterio:

  • Economía: sectores produtivos, mundo empresarial.
  • Organización política e administrativa: institucións, partidos.
  • Situación política e social recente e actual.
  • Situación cultural recente e actual.
  • Situación lingüística recente e actual en Galicia.

Todo este temario do Celga 3, traballado con explicacións claras, exercicios prácticos, modelos de exame e preparación específica para cada proba, témolo desenvolvido no curso de CELGA 3 de Cursos.gal.

Que podes ler aquí?

Outros artigos

Busca un termo ou conxuga un verbo